martes, 25 de agosto de 2015

Acta da Comisión de Extensión

                                                                   
 Acta da reunión do Grupo de Extensión. Actúa como moderador Dionísio Pereira. Elíxese como portavoz a Xoán Antón Pérez Lema.
  1.  Elixirase hoxe unha Comisión Xestora ou Coordinadora, con suxeición á paridade de xénero, que tentará integrar aos redactores dos distintos Manifestos hoxe representados nesta xuntanza.
  2. Tentarase dende esa Comisión a inmediata confluencia co Encontro por unha Marea galega, a xuntanza de mareas locais do 13 de agosto e demais iniciativas cívicas análogas, co obxecto de redactarmos unhas bases comúns para unha candidatura galega unitaria e soberana  e integrar a organización cidadá que soporte a mesma. Este proceso habería desenvolverse nun período orientativo de dúas semanas dende hoxe.
  3. A organización cidadá confluente chamará á integración das organizacións políticas e sociais que asuman o ideario da mesma.
  4. Integradas as organizacións políticas e sociais adherentes, desenvolverase unha intensiva e cobizosa extensión territorial e sectorial  que, asemade, atenderá nomeadamente a súa difusión por redes sociais e medios audiovisuais. Esta extensión desenvolverase con especial atención á participación da xuventude e á paridade de xénero.
  5. Estas conclusións apróbanse por consenso dos integrantes do grupo.



Conxo, 23.08.2015.

Acta da Comisión de Organización

COMISION DE ORGANIZACIÓN 

                                                                                                23 de Agosto de 2015

Un grupo aproximado duns 60 participantes. Acéptase a proposta de que actúe como moderador Fernando Souto Suárez .
O moderador expón :
Que tras a este acto, a comisión promotora do Banquete de Conxo disólvese e continúa unha nova fase aclarando que o obxectivo é a consecución dunha candidatura unitaria galega. Ninguén expresa ningunha discrepancia.
Exponse como debería ser a novo grupo de traballo:
PLURAL, DIVERSO, INCLUSIVO ( Protagonismo individual ). ABERTO, CUN ALTO GRADO DE FLEXIBILIDADE, PROCLIVE A ALCANZAR ACORDOS POR CONSENSO.
Que a adscrición debe ser individual e potenciar a participación favorecendo metodoloxías na procura deste obxectivo.
A transparencia no seu funcionamento para manter un nivel de confianza
Que debemos dotarnos de unha potente ferramenta de comunicación, empezando por internet e manter un dialogo permanente e interactivo sen perder os actos presenciais.
Ábrese un terno de intervencións.
Tivemos  unha importante participación e intentaremos resumir xa que foron moitos e algúns intervintes solicitaron a palabra en varias ocasións.
Intervinte 1:  manifesta que a estamos a falar do grupo de dirección e por tanto é unha xestora que debe incorporar representantes de movementos sociais, partidos políticos, organizacións sindicais e outra forzas organizadas. Ponse como exemplo NUNCA MAIS e precísase que se non fora polas entidades organizadas, NUNCA MAIS non tería existido
Intervinte 2: Insiste nos actos presenciais ante a dificultade de acceder os medios dixitais e propón asembleas periódicas.
Intervinte 3 : Non deben estar as organizacións, senón que o equipo de coordinación debe ser de adscrición individual, xa que o seu cometido é o de traballar na continuidade dun proceso por tanto, aínda que é temporal debe ter unha imaxe de consistencia.
Intervintes 4, 5, 6: Varias intervencións solicitando confianza no proceso e nas propostas que se fagan por parte do grupo saínte organizador do BC2.0.
Intervencións:  Prodúcense varias intervencións insistindo no tema da composición do grupo de coordinación e da incorporación de organizacións.
Presentase por parte do moderador unha listaxe de nomes para constituír un grupo de coordinación.
Non hai consenso. Hai discrepancia na composición da listaxe.
Conclusión:

Proponse que se eleve ao pleno a listaxe de persoas máis unha proposta de convocar máis adiante aos movementos sociais, partidos políticos, organizacións sociais e forzas organizadas que mostren o seu apoio para  incorporarse a coordinación. A convocatorio ten que ser nun prazo curto.

domingo, 23 de agosto de 2015

DECLARACIÓN DE CONXO


Reunidas este domingo 23 de agosto en Conxo, no mesmo lugar onde o 2 de marzo de 1856 se celebrou o máis transcendental acto de irmandade da historia recente de Galicia, todas persoas conscientes a título individual, pertencentes a redes (municipais, culturais, deportivas, cidadáns, veciñais, sindicais....), asinantes de diversos chamados coincidentes, militantes de forzas políticas de moi distinta caste organizativa estamos dispostas a apoiar e contribuír á realización dunha alternativa galega de base cidadá. Sabemos que non somos as únicas, porque moitas outras son as iniciativas, os chamados, por iso nós queremos contribuír e así manifestamos:

- As vindeiras eleccións xerais abren un horizonte de esperanza para a causa dos pobos e das clases populares. Nese contexto, Galiza debe estar presente, e ser actor relevante no escenario que poda abrirse no Estado español. O momento político descobre novas posibilidades para o recoñecemento dos dereitos das nacións, que o noso País non pode desaproveitar.

-Coincidimos na situación de emerxencia social que padece a inmensa maioría da sociedade galega a pesar das súas potencialidades económicas, ambientais e socioeconómicas: a situación límite dos nosos sectores produtivos; a precariedade laboral, especialmente entre a mocidade, e a reiteración da problemática migratoria e demográfica; a especialmente negativa situación dos dereitos das mulleres galegas.

-Fronte a isto, temos que erguer a dignidade do pobo galego, da cidadanía democrática e orgullosa deste País. Precisamos máis que nunca unha ampla unidade cívica que mostre a nosa capacidade colectiva e que permita fraguar tamén unha maioría política que defenda os nosos intereses. O noso país ten por diante un desafío histórico e que ninguén dubide de que Galicia será capaz de reclamar soberanía e recoñecemento nacional. Galiza precisa existir politicamente con forza e voz soberana aí nese momento.

Que toda aquela persoa que se sinta concernida, que todos eses movementos, colectivos e partidos poidamos ter a oportunidade de establecer en común as bases cuns principios mínimos de democracia de base e transparencia, para:

  • A construción dun grande movemento social, cívico e participativo que culmine coa conformación dunha candidatura nacional galega de unidade para as vindeiras eleccións xerais, en que conflúan persoas, colectivos socias e forzas políticas segundo o principio democrático de cada persoa un voto.

  • Propor, por tanto, unha candidatura galega de unidade que non teña ningún tipo de dependencia nin obediencia alleas aos intereses da Nación Galega. Para iso, debe posuír personalidade xurídica propia, en coherencia co suxeito político diferenciado -pobo galego- que representa.

  • Unha candidatura para a consecución dun grupo parlamentario galego soberano nas Cortes que defenda o dereito radical democrático de Galicia a decidir e o combate contra as políticas neoliberais e reaccionarias que están a minar os dereitos e as condicións de vida do común da xente.



A Coordinadora elixida na Asemblea é a seguinte:

Antía Paz, Alejandro Lorenzo, Sara Torreiro, Carlos Ares, Olalla Rodil, Suso Díaz, Paula Verao, Eliseo Fernández, Elvira Souto, Iago Lestegás, Ana Luis Bouza, Xavier Campos, Xosé Manuel Pereiro, Helena Pérez, Fernando Souto, Carlos Méixome.



venres, 14 de agosto de 2015

Que imos facer no Banquete de Conxo 2.0? PROGRAMA



Queremos que no mesmo sitio onde se brindou pola liberdade haxa un estoupido que percorra o país e que chame en cada localidade, en cada lugar onde haxa cidadanía activa, a iniciar un proceso aberto a todas as persoas que desexen unha candidatura nacional galega. Unha suma de forzas de abaixo arriba, de norte a sur e de este a oeste que lle dea forza e voz á nación nun tempo no que cousas fundamentais van ser discutidas nas Cortes, e que contribúa, con outras propostas no Estado, a coller o temón e mudar o actual rumbo cara o desastre social que leva o conxunto da sociedade española.


Convidámoste a participar, este 23 de Agosto, no debate aberto para a constitución dun Movemento Cidadán por unha Candidatura Galega.

Será a partir das 12,00 na praza Aurelio Aguirre de Conxo (pendente dos permisos pertinentes).

Coa seguinte orde do día:
·         12,00 Recepción e debate xeral
·         13,30 Constitución dos grupos e traballo no seu seo
·         15,00 Pausa
·         15,30 Posta en común e conclusións
·         17,00 Previsión de remate.

domingo, 9 de agosto de 2015

CHAMAMENTO PARA O BANQUETE DE CONXO 2.0 O 23 DE AGOSTO

Non imos agardar máis: Por un Banquete de Conxo 2.0

Unha idea percorre Galicia: A necesidade dun movemento cívico que erga unha alternativa política e electoral á sen razón que nos goberna e ao monstro que devora o noso futuro. Non fai falta describilo nin debullar o rosario das súas infamias. Son patentes e cadaquén sabe a súa.

O primeiro sopro de aire foi a celebración do 25 de Xullo, Día Nacional de Galicia, Día da Patria Galega, onde se clamou pola unidade deste pobo para facer posible o soño que alí se albiscaba: xunt@s.

Na sociedade galega xa hai tecidas redes (municipalistas, culturais, deportivas, veciñais, sindicais....) e tamén hai proxectos que nos últimos días teñen coincidido en reclamar accións encamiñadas á creación dunha alternativa galega de base cidadá. Mesmo forzas políticas de moi distinta caste organizativa, partidos e mareas, mostran a súa predisposición a apoiar e contribuír á realización desa alternativa.

Para iso convocámosvos a tod@s a xuntar os alentos e mostralos ao resto do país o domingo 23 de agosto ás 12,00 en Conxo, no mesmo lugar onde o 2 de marzo de 1856 se celebrou o máis transcendental acto de irmandade da historia recente de Galicia.

En Conxo, nese Banquete de Conxo 2.0 toda aquela persoa que se sinta concernida e todos eses movementos e todos os colectivos podemos ter a oportunidade para establecer as bases de funcionamento que conteñan uns principios mínimos de democracia de base e transparencia.

Cuns obxectivos claros: A construción dun movemento cívico de sensibilidades plurais que teña como fin inmediato elaborar unha candidatura que logre que os intereses da inmensa maioría da sociedade galega estean representados nas próximas Cortes do Estado. Unha candidatura que non teña ningún tipo de dependencia nin obediencia alleas aos intereses da Nación Galega e que mesmo sirva para alentar a construción dun suxeito político que constitúa unha alternativa á inanidade e a desafección que desgoberna Galicia. Un movemento que non se deteña no aspecto electoral, senón que paralela e posteriormente posibilite unha correntada de conciencia colectiva que o acompañe e o sustente, que poida abrir a porta a novas solucións para a xestión soberana do noso futuro colectivo.

E cun compromiso: o de promover e organizar reunións e asembleas nos distintos puntos e ámbitos do país.

Pasou o momento de limitarse a debater en facebook, nos grupos de correos ou nos comentarios das novas. Fagámolo nas rúas e nas prazas.

Falar é bo. Xuntarse é necesario. Organizarse é imprescindible.



A Comisión Cidadá pola Unidade do 25 de Xullo                                  Galicia, 7 de agosto de 2015


martes, 28 de xullo de 2015

AS CONTAS DE GASTOS E INGRESOS

RESUMO DAS CONTAS DE GASTOS E INGRESOS DA CONVOCATORIA
“POLA UNIDADE”

Gastos:

Faixa ………………………………………….   130,68 €
Colantes ……………………………………..  423,50 €
Gastos músicos acompañantes........   100,00 €
                                       TOTAL ……………………...        654,18 €
Ingresos:

Venda de colantes ……………………..,…. 217,85 €

                                SALDO ……………………………    - 436,33 €

sábado, 25 de xullo de 2015

AGRADECEMENTO

AGRADECEMENTO

A Comisión Cidadá que vos convocou a este día quere agradecer a todos e a todas a vosa presenza.

Esta comisión naceu dunhas poucas persoas, cadrou que fosen unhas concretas e poderían ter sido outras pois sabemos que a conciencia de sermos un país aínda que nolo negue un día e outro un centralismo esmagador, está viva entre a nosa xente.

Agradecemos inmensamente a valentía das mil trescentas....persoas que puxeron o seu nome e que deron o público respaldo a esta convocatoria.  Agradecemos a  valiosísima achega de Pepe Barro que xenerosamente nos agasallou o fermoso deseño do símbolo e da faixa. Grazas ás cantoras que nos fixeron gozar coa súa voz e a súa arte, grazas aos músicos que as acompañaron e os gaiteiros que nos alegraron.

Non nos axudaron os medios de comunicación ao servizo do poder, que non deron eco ao noso chamado e en cambio destacaron de todas as maneiras posibles as dificultades para conseguir a unidade, semella que a unidade non lles presta aos que serven ao poder.

Grazas pola vosa confianza e grazas debemos todos á cidadanía presente e a que está connosco aínda que non estea nesta praza e, sobre todo, grazas enormes ás organizacións que aceptaron sumarse publicamente ao noso chamado e con gran xenerosidade, cedendo o seu lexítimo protagonismo,  achegaron os seus medios materiais e humanos para que isto fose posíbel.Grazas aos partidos, asociacións, sindicatos e movementos sociais que publicamente nos deron o seu apoio.  Todos facemos falta e entre todas habemos defender os dereitos das persoas, os dereitos do noso pobo e practicar a solidariedade coas persoas oprimidas e os pobos oprimidos do mundo.


Viva o 25 de Xullo. Viva o día da Patria. Viva o día da nosa nación. Até o ano que ven, ate sempre. Viva Galiza Ceibe.

A Comisión Promotora Pola Unidade no 25 de xullo de 2015