AGRADECEMENTO
A Comisión Cidadá
que vos convocou a este día quere agradecer a todos e a todas a vosa presenza.
Esta comisión
naceu dunhas poucas persoas, cadrou que fosen unhas concretas e poderían ter
sido outras pois sabemos que a conciencia de sermos un país aínda que nolo
negue un día e outro un centralismo esmagador, está viva entre a nosa xente.
Agradecemos
inmensamente a valentía das mil trescentas....persoas que puxeron o seu nome e
que deron o público respaldo a esta convocatoria. Agradecemos a
valiosísima achega de Pepe Barro que xenerosamente nos agasallou o
fermoso deseño do símbolo e da faixa. Grazas ás cantoras que nos fixeron gozar
coa súa voz e a súa arte, grazas aos músicos que as acompañaron e os gaiteiros
que nos alegraron.
Non nos axudaron
os medios de comunicación ao servizo do poder, que non deron eco ao noso
chamado e en cambio destacaron de todas as maneiras posibles as dificultades
para conseguir a unidade, semella que a unidade non lles presta aos que serven
ao poder.
Grazas pola vosa
confianza e grazas debemos todos á cidadanía presente e a que está connosco
aínda que non estea nesta praza e, sobre todo, grazas enormes ás organizacións
que aceptaron sumarse publicamente ao noso chamado e con gran
xenerosidade, cedendo o seu lexítimo protagonismo, achegaron os seus medios materiais e humanos
para que isto fose posíbel.Grazas aos partidos, asociacións, sindicatos e movementos
sociais que publicamente nos deron o seu apoio. Todos facemos falta e entre todas habemos
defender os dereitos das persoas, os dereitos do noso pobo e practicar a
solidariedade coas persoas oprimidas e os pobos oprimidos do mundo.
Viva o 25 de
Xullo. Viva o día da Patria. Viva o día da nosa nación. Até o ano que ven, ate
sempre. Viva Galiza Ceibe.
A Comisión Promotora Pola Unidade no 25 de xullo de 2015