POLA UNIDADE NACIONAL GALEGA
(Manifesto lido na Praza da Quintana de Santiago de Compostela o Día da Patria de 2015)
Esta praza está
chea de voces. Quintana de vivos e Quintana de mortos, chámase. Están as voces
dos que vimos aquí a celebrar coa alegría da liberdade este día. Tamén están os
ecos das voces dos que viviron antes e nos lembran quen somos. Escoitade esas
voces que din
“Galicia,
arrastrando até aquí unha existencia oprobiosa, convertida nunha verdadeira
colonia da corte, vaise levantar da súa humillación e abatemento.”
Son voces nosas,
voces da rebeldía fronte a opresión e o espolio, o eco da Xunta Revolucionaria
de Galicia hai cento sesenta anos, en 1846. Dez anos despois de que a coroa
borbónica esnaquizase o Reino da Galiza, o Antolín Faraldo e os demais
dirixentes da Revolución Galega de 1846 fixeron este chamamento á poboación
para erguer unha nación libre de homes e mulleres libres.
Esa revolta
democrática rematou traxicamente a cento cincuenta metros cara o Norte desta
praza, cando o exército liberador foi cercado en San Martiño Pinario e
finalmente rendido e fusilado camiño da Coruña, no lugar de Carral. Hoxe, cento
setenta anos despois, facemos nosas esas palabras e repetímolas como nosas.
Tamén a
cincocentos metros cara o Este desta mesma praza, no convento de Santo Agostiño
estaba o Liceo de la Juventud, alí Rosalía recolleu aquela semente democrática,
o orgullo de galega e a rebeldía e o sentido da xustiza que lle fixo denunciar
a dependencia e a marxinación do noso país: “E sófrese tanto nesta querida
terra galega! Libros enteiros puideran escribirse falando do eterno infortunio
que aflixe aos nosos aldeáns e mariñeiros, soa e verdadeira xente do traballo
no noso país.”
Xente do traballo
como a xente que encheu esta praza hai dez días para defender o dereito a vivir
da gandaría, xente da nosa nación.
Daquela esta
praza viuse chea de dignidade campesiña, viñeron a este lugar a reclamar o
dereito a producir leite, leite que teñen que verter por unha política perversa
que padecen. Reclaman un dereito que lle é negado por políticas inxustas
impostas desde Bruxelas e desde Madrid e pola cobiza sen límites dunha
industria sen sentido de país e, o peor, amparada por un goberno da Xunta
incompetente ou cómplice. Os seus problemas non son só seus, son tamén nosos,
son problemas da nosa nación. Diso falamos cando falamos de nación porque non
hai nación sen solidariedade e sen unidade.
Mais esas persoas
non só traían a súa reclamación urxente, tamén nos traían a lembranza do
tesouro que foi e pode aínda ser o noso campo. Fixéronnos o recordatorio do
vello soño de Castelao e o galeguismo republicano dun país próspero cunha
agricultura e unha pesca que dan pé a un sector industrial. Onde vai ese soño!
Onde vai ese noso tesouro! Unha de tantas cousas que fomos perdendo e que temos
que recuperar.
E aquí estamos
nun novo 25 de Xullo, Día da Patria Galega, como lle chamaron os nosos
devanceiros do Partido Galeguista e como recuperaron os nacionalistas galegos
desde o ano 1968, o día da nosa nación.
Van ser os cen
anos da fundación das Irmandades da Fala, un estoupido cívico e modernizador e
nós, fillos e fillas do noso tempo, continuamos ese labor de construír e erguer
a nación. “A patria érguese no territorio da intimidade, na nación do
sentimento colectivo”, así pensaba o Manuel María. Así sentimos nós, unimos os
nosos sentimentos cunha razón colectiva. Unha conciencia colectiva nacida
libremente de cada un de nós.
Galiza patria,
Galiza matria. A ilusión de vivirmos libremente como nós decidamos e coa mesma
dignidade que calquera outra xente. O que está a encher esta praza é un río de
orgullo. Non somos catro provincias rendidas e sometidas a unha corte madrileña
insaciábel, somos orgullo galego puro e sen volta.
Con ese orgullo
galego dicimos que nós non aceptamos que se nos trate como estranxeiros na nosa
propia terra. Dicimos que non aceptamos que as nosas palabras, a nosa lingua,
sexa tratada como estranxeira no seu propio país. Con ese orgullo opoñémonos
aos recortes na política de normalización lingüística e denunciamos a un
goberno da Xunta que, por primeira vez, lexislou contra a lingua propia do
país. Denunciamos traizón.
Falamos deses
gandeiros e falamos tamén dos mariñeiros que padecen as consecuencias de
gobernos incompetentes que os teñen desatendidos. Falamos de nación cando
facemos nosa a situación das persoas desempregadas e sen cobertura de ningún
tipo. Cando denunciamos a desaparición das axudas a persoas dependentes, cando
facemos noso o drama das persoas desafiuzadas por unha banca insaciábel, toda
esa política cruel dun goberno español e un goberno da Xunta sen corazón.
Facemos nación
cando estamos coas persoas estafadas por eses bancos protexidos polo Goberno.
Cando estamos cos emigrantes retornados que, de volta na súa terra son
saqueados pola facenda española.
Falamos de nación
cando denunciamos como se nos rouba o dereito á educación pública, laica e na
nosa lingua. Nunca se maltratou tanto o ensino público en tan pouco tempo.
Falamos de
unidade nacional se nos rebelamos cando se nos rouban hospitais, camas,
atención médica, cando vemos como nos rouban cachos de sanidade pública diante
da nosa cara.
Para nós patria e
nación é defender todo o que é público contra as privatizacións que son puro
espolio do que é de todos.
E construímos
nación cando nos negamos ao recorte de dereitos gañados polas mulleres tras
séculos de sometemento, esas mulleres que Rosalía nomeou: “as innumerábeis
coitas das nosas mulleres(...) No campo compartindo metade con metade cos seus
homes as rudas faenas, na casa soportando valerosamente as ansias da
maternidade, os traballos domésticos, as arideces da pobreza. Soas o máis do
tempo, tendo que traballar de sol a sol, e sen axuda para mal manterse, para
manter os seus fillos e, quizais, o pai valetudinario, parecen condenadas a non
atoparen nunca repouso senón na tumba.” Cambian as circunstancias mais non
cambia completamente o destino duro de nacer sendo muller. Sendo a metade de
nós, a metade do mundo.
Esta cidadanía
activa,o que está aquí hoxe nesta praza é unha parte do que se estende ao longo
do ano polo país adiante, é a semente e tamén o nervio vivo da nosa sociedade.
Aquí non hai
submisión, aquí hai galeguidade, un pobo en pé. Orgullo de sermos quen somos,
nin mellores nin peores: somos nós. Un nós aberto ao mundo, solidario coas
persoas humilladas e explotadas, cos pobos negados e sometidos. E construímos
unha nación entre todos e todas porque queremos, libremente eliximos gozar
dunha identidade. E convidamos a quen o desexe a partillar a alegría de sermos
nós.
Temos unha
historia, unha lingua, unha cultura é certo, temos unha identidade que nos ven
dada e, sobre todo, temos a vontade de vivir a través dela adaptándoa ao noso
tempo. Non queremos ser provincianos colonizados, somos o pobo galego.
As persoas que
estamos aquí a celebrar o Día da Patria Galega, e moitos outros concidadáns e
concidadás polo país adiante, estamos unidas na resistencia, na insistencia e
na teimosía.
É certo, non
renunciamos a nada do que nos aprenderon a amar os nosos maiores, non
renunciamos ao soño dun país libre de persoas libres. Como Castelao no seu
exilio americano presidindo un goberno sen poderes e, así e todo, encarnando a
resistencia, así somos nós: non renunciamos á nación galega.
Mais hoxe vimos a
anunciar que non só resistimos e resistiremos, tamén imos gañar o recoñecemento
nacional que se nos nega desde unha corte cada vez máis centralista, que leva
de aquí os nosos aforros, a nosa xuventude, as nosas riquezas, o noso futuro e
até quere que emigren os nosos votos.
O noso país ten
por diante un novo desafío histórico,
ninguén dubide que a Galiza será capaz a reclamar soberanía e
recoñecemento nacional. Galicia precisa existir politicamente con forza e voz
soberana aí nese momento.
Máis que nunca é
un día para confluír nunha ampla unidade cívica que mostre a nosa capacidade
colectiva.Lembremos a nosa historia recente, lembremos como todo o país soubo
facer fronte a unha catástrofe provocada por un Goberno que se desentendía
dela. Naquela altura a sociedade galega demostrou disposición e capacidade para
organizarse e afrontar o desafío. Demostramos ser unha nación capaz de existir
por ela mesma. Así é como somos nós e así defendemos o noso país. Luxados,
desprezados e humillados, nunca máis!
Esta é unha praza
chea da dignidade do pobo galego, somos cidadanía democrática e orgullosa. Cada
un de nós acudiu porque quixo, ninguén nos obrigou, este día construímolo entre
todos e todas.
Porén, non
habería este hoxe aquí, como non habería nada con que nos defender das
políticas que nos prexudican se non houbese organizacións políticas, sindicais,
culturais, sociais..., galegas.
Precisámolas, son un dos nosos bens máis
preciosos, sen organizacións propias non existiría o pobo galego. Precisámolas
para que nos representen e expresen en toda parte, para que o sigan a facer
nunhas cortes españolas que nos negan nacionalmente, nun parlamento europeo que
está nas mans de especuladores, e sobre todo no parlamento galego.
Sumados somos
unha maioría na sociedade, precisamos fraguar tamén unha maioría política que
defenda os nosos intereses. As divisións nos debilitan e nos encamiñan á
insignificancia, mentres a unión multiplica as nosas forzas para procurarmos as
ferramentas necesarias que nos permitan decidir que queremos ser, que nos
posibiliten a construción dun futuro de luz que levante as hipotecas que
ameazan aos nosos fillos e fillas.
No final a cousa
é clara e escribiuna hai moito tempo o noso poeta Curros Enríquez para agora e
para nós no seu poema “Pola unión!”
“Galegos que me escoitades,
galegos que a verme vides
hoxe de aquí non saídes
sen facer as amizades!.
Das nosas debilidades
o diaño non se ha de rir.
Vámonos todos a unir,
matando rencores cegos;
que na unión dos bos galegos
está da patria o porvir!”