Reunidas este domingo 23 de
agosto en Conxo,
no mesmo lugar onde o 2 de marzo de 1856 se celebrou o máis transcendental acto
de irmandade da historia recente de Galicia, todas persoas conscientes a título
individual, pertencentes a redes (municipais, culturais, deportivas, cidadáns, veciñais,
sindicais....), asinantes de diversos chamados coincidentes, militantes de
forzas políticas de moi distinta caste organizativa estamos dispostas a apoiar
e contribuír á realización dunha alternativa galega de base cidadá. Sabemos que
non somos as únicas, porque moitas outras son as iniciativas, os chamados, por
iso nós queremos contribuír e así manifestamos:
- As vindeiras eleccións xerais abren un horizonte de esperanza
para a causa dos pobos e das clases populares. Nese contexto, Galiza debe
estar presente, e ser actor relevante no escenario que poda abrirse no Estado
español. O momento político descobre novas posibilidades para o recoñecemento
dos dereitos das nacións, que o noso País non pode desaproveitar.
-Coincidimos na situación de emerxencia social que padece a
inmensa maioría da sociedade galega a pesar das súas potencialidades
económicas, ambientais e socioeconómicas: a situación límite dos nosos sectores
produtivos; a precariedade laboral, especialmente entre a mocidade, e a
reiteración da problemática migratoria e demográfica; a especialmente negativa
situación dos dereitos das mulleres galegas.
-Fronte a isto, temos que erguer a dignidade do pobo galego, da
cidadanía democrática e orgullosa deste País. Precisamos máis que nunca unha
ampla unidade cívica que mostre a nosa capacidade colectiva e que permita
fraguar tamén unha maioría política que defenda os nosos intereses. O noso país
ten por diante un desafío histórico e que ninguén dubide de que Galicia será
capaz de reclamar soberanía e recoñecemento nacional. Galiza precisa existir
politicamente con forza e voz soberana aí nese momento.
Que toda aquela persoa que se sinta concernida, que todos eses
movementos, colectivos e partidos poidamos ter a oportunidade de establecer en
común as bases cuns principios mínimos de democracia de base e transparencia,
para:
- A
construción dun grande movemento social, cívico e participativo que
culmine coa conformación dunha candidatura nacional galega de unidade para
as vindeiras eleccións xerais, en que conflúan persoas, colectivos socias
e forzas políticas segundo
o principio democrático de cada persoa un voto.
- Propor, por tanto, unha candidatura galega de unidade que non
teña ningún tipo de dependencia nin obediencia alleas aos intereses da
Nación Galega. Para iso, debe posuír personalidade xurídica propia, en
coherencia co suxeito político diferenciado -pobo galego- que representa.
- Unha
candidatura para a consecución dun grupo parlamentario galego soberano nas
Cortes que defenda o dereito radical democrático de Galicia a decidir e o
combate contra as políticas neoliberais e reaccionarias que están a minar
os dereitos e as condicións de vida do común da xente.
A
Coordinadora elixida na Asemblea é a seguinte:
Antía Paz, Alejandro Lorenzo, Sara Torreiro, Carlos Ares, Olalla
Rodil, Suso Díaz, Paula Verao, Eliseo Fernández, Elvira Souto, Iago Lestegás,
Ana Luis Bouza, Xavier Campos, Xosé Manuel Pereiro, Helena Pérez, Fernando
Souto, Carlos Méixome.