Comunicado da comisión cidadá pola unidade do 25X

Os cidadáns e cidadás de Galicia que promovemos e asinamos o manifesto O  Día da Nación Galega, o día de tod@s, que a día de hoxe ten xuntado arredor dun milleiro de adhesións, a maioría delas públicas, fixemos hoxe pública a convocatoria para que o 25 de xullo, historicamente o Día da Patria Galega, oficialmente o Día Nacional de Galicia, sexa unha festa cidadá e unha celebración da unidade, na que todos os galeg@s se sintan chamados a participar, por riba das adscricións políticas das que lexitimamente se reclamen.

Un 25X que será protagonizado polo común, e no que á cabeza da tradicional manifestación que todos os anos sae da Alameda figurará unha faixa co lema A nación galega, sen sigla ningunha, e sen máis símbolos que a bandeira que hoxe presentamos, a do sol poñente, que queremos que represente os mil ríos de Galicia, todas as bandeiras de Galicia xuntas.


Desde o palco, celebraremos a festa e proclamaremos nun manifesto todos os desafíos que temos enfronte, pero tamén todas as ocasións nas que tivemos disposición e capacidade para autoorganizármonos, de demostrar ser unha nación capaz de existir por ela mesma. De ter vontade común no tocante ao noso futuro.


Chamamos desde hoxe a que calquera organización, as políticas e as sindicais con vocación de permanencia na defensa dos intereses dos cidadáns e dos traballadores, pero tamén as plataformas de afectados por situacións estruturais ou conxunturais, as asociacións de veciños, os colectivos culturais, deportivos ou recreativos... Calquera forma de organización que conforma o que se chama a sociedade civil se vexa interpelada por este chamado, na conciencia de que a suma multiplica, e de que a resta en realidade divide. Se non somos quen de xuntármonos na celebración do 25 de xullo, poucos labores en común poderemos acometer.


Galicia, 17 de xullo de 2015


-> Descarga o logo 25-X A NACIÓN GALEGA: en PDF (637KB) ou coma imaxe JPG (408KB). Tamén en baixa resolución, para os perfís de twitter: imaxe JPG (49KB).