O DÍA DA NACIÓN
GALEGA, O DÍA DE TOD@S
O 25 de Xullo, historicamente o Día da Patria Galega, oficialmente “Día Nacional de Galicia”, é o día no que as cidadás e cidadáns galegos celebramos a nosa nación. Vivimos un tempo excepcional, os problemas económicos e sociais do noso país, na vez de mellorar, agrávanse. Afrontamos unha recentralización que nos prexudica, dificulta a supervivencia de empresas e traballo e pretende liquidar sectores produtivos enteiros, ao tempo que conduce á desaparición da nosa lingua e cultura.
Lembremos a nosa
historia recente, lembremos como todo o país soubo facer fronte a unha
catástrofe provocada por un Goberno que se desentendía dela. Naquela altura a
sociedade galega demostrou disposición e capacidade para organizarse e afrontar
o desafío. Demostrou ser unha nación
capaz de existir por ela mesma.
Así é como somos
nós e así defendemos o noso país. Mais este é tamén un momento no que as
galegas e galegos debemos mostrar vontade común no tocante ao noso futuro.
Galicia precisa existir con forza para defender os intereses inmediatos e estratéxicos como nación. Sabemos da inmensa forza da unidade, do enorme potencial de ilusión e entusiasmo colectivo que poden xerar a defensa da nación e da soberanía. Estamos na hora de andar ese camiño.
Este é un chamado
que nace da cidadanía que, sen agardar
instrucións nin consignas, quere manifestar o seu desexo e a súa vontade de nos
reunir nunha celebración que diga claramente que as divisións nos debilitan e nos
encamiñan á insignificancia, mentres a unión multiplica as nosas forzas para
procurarmos as ferramentas necesarias que nos permitan decidir que queremos
ser, que nos posibiliten a construción
dun futuro de luz que non hipoteque o mañá de fillos e fillas.
Un chamado aos
cidadáns e cidadás, aos colectivos sociais, culturais, recreativos..., a que se
sumen, sen exclusión previa ningunha, a un Día da Nación Galega, un día de
unidade que queremos apoiado polos partidos e organizacións políticas.
As persoas que
subscribimos este chamado pedímoslle ás forzas políticas que nos convoquen co
exemplo da unidade cívica, renunciando a patrimonializar ninguén este acto de
vital importancia na nosa historia.
Cada un dos e das
asinantes, facémolo de xeito persoal porque é a forma máis nidia de expresión
da cidadanía: a suma das vontades individuais. E coas nosas sinaturas queremos
manifestar o desexo de marcharmos tod@s polas rúas de Compostela detrás dunha
faixa que, levando escrito o nome da nación e portada por xente do común,
represente aos homes e mulleres que son os lexítimos donos da galeguidade: a
maioría do pobo galego, a cidadanía do país.