sábado, 25 de xullo de 2015

AGRADECEMENTO

AGRADECEMENTO

A Comisión Cidadá que vos convocou a este día quere agradecer a todos e a todas a vosa presenza.

Esta comisión naceu dunhas poucas persoas, cadrou que fosen unhas concretas e poderían ter sido outras pois sabemos que a conciencia de sermos un país aínda que nolo negue un día e outro un centralismo esmagador, está viva entre a nosa xente.

Agradecemos inmensamente a valentía das mil trescentas....persoas que puxeron o seu nome e que deron o público respaldo a esta convocatoria.  Agradecemos a  valiosísima achega de Pepe Barro que xenerosamente nos agasallou o fermoso deseño do símbolo e da faixa. Grazas ás cantoras que nos fixeron gozar coa súa voz e a súa arte, grazas aos músicos que as acompañaron e os gaiteiros que nos alegraron.

Non nos axudaron os medios de comunicación ao servizo do poder, que non deron eco ao noso chamado e en cambio destacaron de todas as maneiras posibles as dificultades para conseguir a unidade, semella que a unidade non lles presta aos que serven ao poder.

Grazas pola vosa confianza e grazas debemos todos á cidadanía presente e a que está connosco aínda que non estea nesta praza e, sobre todo, grazas enormes ás organizacións que aceptaron sumarse publicamente ao noso chamado e con gran xenerosidade, cedendo o seu lexítimo protagonismo,  achegaron os seus medios materiais e humanos para que isto fose posíbel.Grazas aos partidos, asociacións, sindicatos e movementos sociais que publicamente nos deron o seu apoio.  Todos facemos falta e entre todas habemos defender os dereitos das persoas, os dereitos do noso pobo e practicar a solidariedade coas persoas oprimidas e os pobos oprimidos do mundo.


Viva o 25 de Xullo. Viva o día da Patria. Viva o día da nosa nación. Até o ano que ven, ate sempre. Viva Galiza Ceibe.

A Comisión Promotora Pola Unidade no 25 de xullo de 2015